Juan Manuel Díaz Santos foi elixido campión da 13ª edición do Campionato Galego de Coctelería Clásica. O camareiro do Marina Dávila de Vigo, que o ano pasado alcanzara o subcampionato, volveu conseguir o título por cuarta vez na súa carreira, nesta ocasión co seu cóctel Lucas.
Pola súa banda, Gabriel Vilar, do CIFP Compostela que se estreaba na competición, alzouse co subcampionato e co Trofeo ao Mellor Cóctel elaborado con Augardente de Galicia. O seu Galician Forest na categoría de Clásico e Orujo Sweet no Trofeo de Augardentes de Galicia convenceron o xurado degustador, que ademais lle concedeu o premio á Mellor Técnica. O premio á Mellor Degustación recaeu tamén en Juan Manuel Díaz e Borja Taboada, terceiro clasificado, obtivo o premio á Mellor Decoración polo seu cóctel BloodTears.
Os títulos conseguidos tanto por Juan Manuel Díaz como Gabriel Vilar acredítanos ademais como os nosos representantes no Campionato Nacional da Asociación de Barmans Españois Tenerife 2015. Finalmente Víctor Manuel Márquez foi o campión na modalidade acrobática de flairtending co seu cóctel Amelie, que este ano se consolidaba coa súa sexta edición e seis participantes.