A XV Mostra de Teatro Clásico de Lugo ofrecerá entre o 22 de xaneiro e o 28 de febreiro un total de 11 representacións que se levarán a cabo no Auditorio Municipal Gustavo Freire ás 20:30 horas agás un espectáculo familiar, o domingo 8 de febreiro, que será ás 18:30 horas.
Os prezos mantéñense como na edición anterior, na zona A 10 euros e na zona B 8 euros e contarán con desconto do 20% para persoas desempregadas, menores de 30 anos ou pensionistas. As obras para público familiar van ter un prezo único de 5 euros e non entrarán nos bonos. Ademais establécense bonos para 9 representación que custan entre 40 e 50 euros. Unha das grandes novidades é no sistema de venda de entrada xa que se poderán mercar a través da web entradaslugo.es ou no propio Auditorio Gustavo Freire.
A XV Mostra de Teatro Clásico de Lugo comezará o xoves 22 de xaneiro coa obra Ojos de agua, continuará o sábado, día 24 de xaneiro, con Romeo. Para o xoves 29 de xaneiro está programada a representación de Matar al rey e o sábado 31 de xaneiro a compañía Teatro Corsario, presenta Clásicos Cómicos entremeses de burlas. O domingo 1 de febreiro haberá unha obra para público familiar, A frauta máxica. El lenguaje de tus ojos o el príncipe travestido será o sábado 7 de febreiro. O domingo 8 de febreiro volverá a haber unha obra para público familiar, Macbeth. O xoves 19 de febreiro, a compañía Voadora, escenificará A Tempestade de William Shakespeare. Bobas & Galegas, Mofa & Befa no Século de Ouro, será a obra que representará a compañía Producións Teatrais Excéntricas o sábado 21 de febreiro. O xoves 26 de febreiro porase en escea Pluto de Aristófanes. A Mostra rematará coa posta en escena de La flauta mágica, variaciones Dei Furbi, adaptación da ópera de Mozart, a cargo da compañía Dei Furbi.
A novidade desta mostra é que 11 restaurantes da cidade crearán unha tapa especial para cada unha das obras teatrais que se poderán degustar entre o 22 de xaneiro e o 28 de febreiro a un prezo de 2 euros.