A presenza do Concello de Ourense na vindeira edición de Termatalia Arxentina, que se celebrará entre o 1 e o 4 de outubro, contribuirá a posicionar o potencial termal da cidade e a consolidarse como destino de saúde ante profesionais de máis de 25 países de Europa e América Latina, fundamentalmente.
O Concello de Ourense contará cun stand institucional onde promocionar os recursos e potencial termal da cidade. Estará ubicado no centro da feira, xunto ás principais institucións como o Ministerio de Turismo Arxentino, Promperú, Turespaña ou a Xunta de Galicia.
A presenza do Concello nesta cita inclúe tamén a presentación do destino Ourense Termal entre tres importantes colectivos profesionais: ante os principais TT.OO. especializados en turismo de saúde de Europa e Latinoamérica; ante potenciais inversores e ante medios de comunicación internacionais.
Por outra banda, Ourense liderará como socio fundador a presenza en Termatalia da E.H.H.T.A. (Asociación Europea de Cidades con Patrimonio Termal), unha entidade que representa aos 26 principais destinos europeos ubicados en 11 países.