O concello de Santiago e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) acaban de poñer en marcha un bono conxunto con toda a oferta teatral galega dos dous principais espazos escénicos teatrais da cidade, o Teatro Principal e o Salón Teatro.
O Bono permitirá asistir a cinco funcións de teatro galego a escoller entre toda a oferta teatral galega programada para o 2014. No folleto promocional que está a disposición do público nos teatros, auditorios e oficinas de turismo da cidade, aparecen as obras que inclúe.
Trátase de 10 novos espectáculos (máis de 30 representacións) que se representarán ata o mes de decembro. Serán no Teatro Principal e no Salón Teatro, ademais das propostas máis alternativas na Zona C. O prezo será de 35 euros, o que supón un 30% de desconto sobre o prezo habitual da entrada de 10 euros. Os bonos están á venda na billeteira do Teatro Principal (18:00 – 21:00 horas, de martes a sábado) e, os días de espectáculo, no Salón Teatro (2 horas antes da función).