A Deputación de Ourense e os balnearios da provincia asinaron un ”Convenio de colaboración para o fomento do termalismo saudable e a cultura termal”, unha iniciativa que supón a posta en marcha do máis completo programa de España no que atinxe a ocio e saúde termal.
Inclúe modalidades de estancias de 6 días ou de fins de semana nos cinco establecementos balnearios da provincia de Ourense: Arnoia, Laias e Lobios, pertencentes ao grupo Caldaria, e os de Baños de Molgas e O Carballiño, aos que se sumará en breve o Balneario de Cortegada. O programa tamén contempla tratamentos de termalismo, actividades culturais e Viaxes termais dende máis de 40 estacións de tren de diferentes comunidades autónomas, que inclúen prezos especiais nos billetes e traslados dende a estación de Ourense aos balnearios, ida e volta.
A xestión do programa realízase a través da administración electrónica para que o beneficiario poida tramitar a súa solicitude dende calquera lugar e a calquera hora, obtendo unha resposta inmediata e en tempo real sen demoras nin retrasos. No mesmo momento no que o cidadán realiza a solicitude on-line obtén a resolución da administración. A presentación de solicitudes por Internet pódese facer a través da páxina web Termalismo.depourense.es dende hoxe.