
A cidade de Pontevedra foi recoñecida no décimo Premio Internacional de Dubai, auspiciado pola ONU, que enxalza as mellores prácticas para mellorar as condicións de vida dos seus habitantes. A urbe galega foi un dos 406 proxectos seleccionados de 95 países do mundo e conseguiu ser unha das seis premiadas, a única en Europa.
Para ser considerada unha boa práctica a iniciativa debe ser sostible, ter impacto positivo e demostrar que a institución ten asociacións con diversos actores urbanos. Pontevedra foi recoñecida, en concreto, polas súas boas prácticas en materia de mobilidade e accesibilidade, tamén polo traballo da cidade en materia de innovación, inclusión social ou calidade urbana e destaca que se trata dun modelo transferible.
O premio ten unha dotación económica de 30.000 dólares e inclúe un trofeo e un certificado de honra.