Os portos galegos rexistraron máis de 340.000 pasaxeiros de cruceiros en 2013, o que supón uns 50.000 menos que en 2012.
Segundo os datos de Portos do Estado, o de Vigo é o único galego que perdeu pasaxe xa que descendeu un 28,5%. O resto de portos da comunidade aumentou o número de pasaxeiros que acolleron. En concreto, A Coruña recibiu case 157.000 pasaxeiros (un 11,4 por cento máis), Ferrol-San Cibrao sumou 10.853 pasaxeiros (un 53,5 por cento máis), e Vilagarcía de Arousa rexistrou 2.199 pasaxeiros (un 9,3 por cento de suba)
En canto ao número de cruceiros, Vigo recibiu un 19,42 por cento menos de cruceiros, Vilagarcía un 14,3 por cento menos e Ferrol un 18,2 por cento menos; mentres que A Coruña recibiu 14 cruceiros máis, o que supón un 14,9 por cento máis de buques que en 2012, con 108 barcos.
O conxunto dos portos españois recibiu máis de 7,6 millóns de pasaxeiros e uns 3.800 buques en 2013, o que supón un incremento dun 1,3 por cento e un 3,3 por cento, respectivamente, en comparación co ano anterior. No contexto europeo, os portos españois sitúanse en segunda posición, acaparando o 25,6 por cento da pasaxe, tras os italianos.