A Ruta do Viño Rías Baixas celebrará as V Xornadas de Portas Abertas, que se desenvolverán os próximos días 21 e 22 de maio, cunha destacada novidade. Aos tradicionais buses do viño uniranse, nesta ocasión, as Rutas con Humor, nas que os espectáculos de dous recoñecidos monologuistas serán a principal atracción.
As Rutas con Humor desenvolveranse tanto o sábado 21 como o domingo 22 de maio e contarán coa presenza de Rober Bodegas e Cándido Pazó, respectivamente. A primeira das sesións desenvolverase nas instalacións da Adega Pazo de Rubianes, localizada en Vilagarcía de Arousa, na subzona de Val do Salnés, a partir das 20:00 horas. A xornada dominical levará o humor de Cándido Pazó a Condado do Tea, onde a súa actuación poderase ver no Castelo de Salvaterra do Miño ás 19:00 horas.
Ambas as sesións son de carácter totalmente gratuíto, aínda que hai que reservar praza. Os interesados deberán poñerse en contacto coa entidade a través dos teléfonos 986 091 088 ou 687 523 230 ou enviando un e-mail a info@rutadelvinoriasbaixas.com.
As V Xornadas de Portas Abertas na Ruta do Viño Rías Baixas tamén contarán cos seus clásicos Buses do Viño, gratuítos. Un total de nove expedicións partirán o vindeiro sábado 21 de maio desde Pontevedra, Vigo e Santiago cara ás distintas subzonas. Os horarios de saída establécense entre as 10:00 e as 10:30 horas, dependendo dos puntos de partida. Todos os interesados en realizar algún dos percorridos dos Buses do Viño, deberán poñerse en contacto coa Ruta do Viño Rías Baixas.