Restaurante Alborada celebra en 2016 o seu décimo aniversario con diferentes actividades ao longo de todo o ano, entre as que destaca o menú Noroeste que realizará con Casa Gerardo.
Trátase dun menú a 4 mans que os chefs Iván Domínguez e Marcos Morán elaboraron para a ocasión e que se ofrecerá durante unha única noite no restaurante Alborada, a do vindeiro xoves 5 de maio.
O primeiro bocado do menú dará a benvida a unha selección de 5 snacks elaborados a base de produtos da zona: queixo, patacas, pescada, herbas do litoral, entre outros. Entre os pratos principais, elaboracións con protagonistas do mar e da terra: cangrexo real, cocochas con pilpil de pescada e plancto, salmonete, coliflores, verzas fermentadas e fabada de Prendes. E de postre, queixo do país e crema de arroz con leite como colofón final dunha noite con estrelas e con todo o sabor de Galicia e Asturias.