A Ruta do Viño Rías Baixas é o único itinerario enoturístico de Galicia incluído na Guía de Rutas Enológicas de España, Accesibles para todas las personas, presentadas nas Adegas Pazo de Fefiñanes e elaboradas pola Plataforma Representativa Estatal de Personas con Discapacidad Física.
É, polo tanto, a única ruta galega certificada como accesible, xunto con outros 11 itinerarios enoturísticos españois que se adaptan ás necesidades das persoas con algún tipo de minusvalía.
A Guía de Rutas Enológicas de España, Accesibles para Todas las Personas encóntrase dispoñible en formato imprimido e dixital (www.rutasdelvinoaccesibles.predif.org). Entre os principais obxectivos desta publicación encóntranse: Facilitar ás persoas con diferentes minusvalideces información concreta sobre a accesibilidade que presentan as Rutas do Viño de España e a súa oferta turística complementaria; ofrecer un exemplo de boas prácticas ao conxunto dos empresarios sobre os requisitos de accesibilidade que deben cumprir os seus establecementos; servir de referencia ás entidades públicas responsables da promoción turística sobre o grao de detalle que deben ter as súas publicacións en materia de accesibilidade; contribuír a que España se dea a coñecer no ámbito internacional como un destino accesible.