Santiago acollerá a primeira edición de Diver Pascua, un evento de ocio infantil que terá lugar entre o 17 e o 20 de abril. O evento terá espazos de xogo para nenos con idades entre un e doce anos, e terá ademais un espazo diferenciado para os pais.
Para os máis pequenos, aqueles que teñen entre un e catro anos, estará o Espazo Babe, onde haberá unha ludoteca inchable con xogos e mesas para colorear. Para os nenos de entre cinco e doce anos habilitarase o Espazo de Inchables, onde haberá tobogáns, futbolín, pista de obstáculos, cama elástica, tolo, xiraloco…
Tamén haberá un Espazo de Actividades Deportivas e Xogos, destinado ao xogo entre pais e fillos, nos que se poderá xogar ao tenis de mesa, minigolf, xogos xigantes de conecta catro, xadrez, damas, tres en raia… Haberá tamén un Espazo Multimedia para nenos a partir de seis anos, onde haberá consolas Wii con multitude de xogos deportivos e de estratexia.
Tamén se ofrecerá a Mesa de Autógrafos, na que participarán varios xogadores do Obradoiro e do Santiago Futsal para asinar autógrafos e tomarse fotografías cos pequenos. O horario de Diver Pascua será de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:30. O prezo das entradas será de cinco euros para os nenos e dous euros para os adultos.