Monforte celebra esta Semana Santa, os días 19 e 20 de abril, a súa XII Feira Medieval e, para ir creando ambiente, os Mercados de Monforte reforzan a promoción deste evento ofrecendo unha temática medieval.
Este sábado os veciños e veciñas terán a oportunidade de visitar un singular mercado que transformará a Praza nun gran obradoiro no que se poderán preparar e asesorar para a Feira Medieval. Alí contarán con toda a información sobre a Feira Medieval, as súas actividades e como participar nos diversos concursos promovidos polo Concello. Tamén recibirán asesoramento sobre como vestirse para a ocasión, peitearse, elixir as xoias máis axeitadas ou decorar a casa ou o negocio.
A empresa monfortina Imaxinatia encargarase dos obradoiros de estandartes e pendóns, Retales Merce ofrecerá asesoramento sobre como confeccionar o traxe medieval e poñerá á venda variados modelos de vestimenta, Xoiería Álvarez achegará a bixutería que mellor combina co medievo, e Mundo Fogar ofrecerá todo tipo de telas para decorar casas e negocios.