A presenza do Estado de Morelos representando a México como país convidado e a celebración dunha edición especial adicada ao Entroido, marcarán a Xantar 2016, Salón Internacional de Turismo Gastronómico de España que se celebra en Expourense entre o 3 e o 7 de febreiro.
A 17ª edición convocará en Expourense a 166 expositores que ocuparán 12.000 metros cadrados de superficie e entre os que destacan 14 restaurantes que ofrecerán unha vintena de menús con prezos comprendidos entre os 12 e os 30 euros baseados nos produtos autóctonos e de calidade de cada rexión procedentes de México, Portugal e España. Haberá ademais menús infantís e adaptados para celíacos.