A Ruta do Viño Rías Baixas ultima as actividades da programación especial que realizará con motivo do seu 20º aniversario, que se celebrará durante este ano 2016.
Unha das primeiras accións é a presentación do novo logotipo, creado con motivo desta efeméride. Ademais preténdese incorporar novas actividades para visibilizar a Ruta como destino enogastronómico -é o único itinerario enoturístico galego incluído na Guía de Rutas Enológicas Accesibles para todas las Personas- e diferentes iniciativas a través das redes sociais para premiar a fidelidade dos seguidores.
A asociación sen ánimo de lucro cumpre 20 anos e suma 100 asociados, aos que hai que engadir a incorporación dunha nova subzona, a quinta: a de Soutomaior.