Turismo de Galicia vén de presentar o novo programa de turismo ornitolóxico De póla en póla, unha iniciativa que invita a gozar dunha fin de semana en contacto coa natureza descubrindo o mundo das aves.
O programa inclúe, ademais dunha formación teórica e práctica de introdución á observación de aves, a estanza en establecementos rurais de Galicia. Inclúe o aloxamento de venres a domingo nos establecementos rurais de Galicia seleccionados, as ceas do venres e sábado, os almorzos do sábado e domingo, un xantar tipo pícnic para o sábado, para gozar do campo mentres se realizan as primeiras observacións, e a formación teórico-práctica de observación de aves impartida por un monitor experto.
Nesta primeira edición Turismo de Galicia escolleu para este programa tres dos espazos máis singulares da xeografía galega para o avistamento de aves: o Canón do Sil, A Terra Chá e os Ancares e Montes de Cervantes.