Segundo os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE), no pasado mes de xuño Galicia rexistrou un incremento do seu volume de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados do 6,3%, ata situarse en máis de 523.000. Así mesmo, subiron tamén no pasado mes as pernoitas nun 6,8%, neste caso, contabilizándose un total de 971.134 no conxunto da comunidade.
É o terceiro ano consecutivo que se rexistra un incremento das pernoitas no conxunto da oferta regrada e o carto ano consecutivo de crecemento dos viaxeiros de Galicia situándose o nivel destes dous indicadores nun máximo histórico neste sexto mes do ano.
O turismo nacional incrementou as súas pernoitas nun 5,9% e a súa cifra de viaxeiros nun 6,4%, neste caso. Grazas a este crecemento este segmento conseguiu en xuño, un máximo histórico de viaxeiros, con 334.841, o nivel máis elevado de pernoitas do últimos seis anos, con máis de 680.000.
Pola súa banda, o turismo internacional incrementou nun 6,0% o volume da súa cifra de viaxeiros e nun 8,9% as súas pernoitas. Galicia suma xa catro anos consecutivos de incremento do turismo internacional no mes de xuño circunstancia que sitúa os niveis deste 2016 en máximos históricos tanto de viaxeiros, con 188.392, como de pernoitas, con preto de 290.000 neste caso. Deste xeito, o turismo internacional representou no pasado mes de xuño o 36% do total de viaxeiros aloxados e o 30% de pernoitas, cifras históricas tamén para a nosa comunidade.