A oficina de información de Turismo de Santiago superou a pasada semana as 100.000 consultas no conxunto do ano.
Os turistas internacionais foron os que máis empregaron os servizos da oficina de información de Turismo de Santiago. No conxunto do ano, atendéronse 58.363 consultas de turistas foráneos, case o 60% do total, procedentes de 114 países distintos.
Os países con maior número de consultas foron os que constitúen os principais mercados estratéxicos da cidade e nos que Turismo de Santiago concentra os seus esforzos: Francia, Alemaña, Italia e Reino Unido.
Os datos apuntan un crecemento con respecto aos datos do ano pasado. No mesmo período do 2013, atendéronse 97.101 consultas, o que significa que houbo un crecemento do 3,58%.
A oficina de información de Turismo de Santiago, ubicada na Rúa do Vilar 63, está aberta todos os días do ano, salvo o 24, 25 e 31 de decembro e o 1 e o 6 de xaneiro. En temporada alta abre continuadamente de 09.00 a 21.00 horas. Atende en oito idiomas: galego, castelán, francés, alemán, italiano, portugués, sueco e finés. Tamén pode atender en lingua de signos.