Turismo de Galicia acaba de presentar Xacopedia xacopedia.com, unha enciclopedia 2.0 que recolle a cultura xacobea nun espazo web que mostra a información de maneira sinxela permitindo a interacción do usuario.
Esta enciclopedia sobre o Camiño de Santiago alberga miles de entradas da A a Z, miles de fotografías e máis de 100 mapas e gráficos sobre a Ruta Xacobea. Cada información contén ligazóns a todos aqueles termos que se atopen dentro da gran enciclopedia, para dunha maneira rápida, cómoda e sinxela poder seguir profundando nos contidos. Así mesmo, os usuarios poden complementar cada entrada e os comentarios poden ser contestados por outros usuarios e marcados como “Me gusta”.
Trátase dunha das iniciativas incluídas no Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago na súa liña estratéxica dedicada á investigación, comunicación e divulgación do Camiño e da Cultura Xacobea.