O 10º Encontro Ibérico sobre Dieta e Saúde, que se celebra no marco de Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico que terá lugar en Expourense entre o 4 e o 8 de marzo, ofrecerá máis de 100 actividades que apostan pola profesionalización do sector hostaleiro e que promocionarán a gastronomía sostible e saudable poñendo en valor ademais a calidade dos produtos agroalimentarios e do mar de Galicia, Portugal e Costa Rica.
Este programa de actividades incluirá tanto conferencias de expertos como exhibicións de cociña en directo, ademais de catas comentadas e degustacións. Como país convidado, Costa Rica tamén será protagonista no programa de actividades con obradoiros, degustacións e conferencias.
Xantar contará por primeira vez con dúas aulas gastronómicas nas que prestixiosos chefs de Galicia, Portugal e Costa Rica farán exhibicións de cociña en directo. Unha estrá liderada pola Consellería de Medio Rural e Mar e a outra polo Grupo Cuevas.
O salón organiza o 3º Concurso de cociña Xantar Gourmet que naceu co obxectivo de difundir a gastronomía autóctona a través do emprego de materias primas galegas de calidade e produtos gourmet, transformándoos en pratos tradicionais ou innovadores. Este concurso divídese en dúas categorías: profesionais e afeccionados. Os concursantes deberán preparar unha receita que conteña un produto gourmet galego e dous produtos de calidade de Galicia.
Imaxes pertencentes á edición de 2014.