Fairway, o primeiro forum con feira sobre o Camiño de Santiago, foi o lugar de presentación do Gremio de Hospedaxe de Compostela e Camiños de Santiago, unha asociación composta por un grupo de empresarios de distintos puntos de Galicia do sector da hospedaxe e que ten por obxectivo conseguir un colectivo unido para a promoción das rutas xacobeas e da cidade de Santiago.
Unha das súas apostas é a de desenvolver un traballo conxunto para dar a coñecer o valor patrimonial, gastronómico, cultural, social ou relixioso de todos o camiños a través da distribución de guías. Tamén contemplan a iniciativa de crear unha central de reservas propia.
Tras a súa presentación, esta semana comezan as primeiras roldas de contactos con diferentes axentes do sector, asociacións de camiños, a federación de hospedaxe de España e outras empresas e administracións.