O CRIIGG Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia pechou 2013 cun total de 335.101 contraetiquetas emitidas e con 293.295 litros cualificados dos destilados que ampara, o que supuxo un notable incremento con respecto ao ano anterior.
Así, en 2013, este Consello Regulador emitiu un total de 335.101 contraetiquetas, fronte ás 303.771 do ano anterior, o que supón un incremento do 10% e un incremento do 13% se temos en conta a media ponderada da última década.
Por produtos, cabe destacar que en 2013 a augardente viu notablemente incrementado o seu número de litros cualificados, con 127.900 litros seguido do licor de herbas, con 99.215 litros, que seguen situándose así como os destilados con maior número de litros amparados. Completan a relación de produtos: o licor café, que viu incrementado tamén o número de litros cualificados, con 56.080 litros, a augardente de herbas, con 8.625 litros e a augardente envellecida, con 1.475 litros.