O Concello de Allariz acolleu, recentemente, unha reunión con representantes de todas as reservas da biosfera galegas: Reserva da Biosfera Área de Allariz, As Mariñas Coruñesas e Terras de Mandeo, Os Ancares lucenses e montes de Navia, Cervantes e Becerreá, Río Eo, Oscos e Terras de Bourón, Terras do Miño e Xurés-Gerès.
O obxectivo da reunión centrouse na presentación dunha proposta de creación dunha rede de reservas galegas e sentar, así, as bases da asociación que velará e promocionará as zonas, declaradas pola UNESCO,como exemplo de integración entre o home e a natureza.
Outra das finalidades da futura asociación pasa por que os organismos e administracións competentes teñan en conta a declaración de reserva da biosfera para a concesión de axudas, subvencións ou plans de desenvolvemento rural. A rede funcionará como ferramenta para o impulso de proxectos comúns así como para a aprendizaxe de iniciativas desenvolvidas noutros territorios. O obxectivo é que a final de ano a asociación poida contar cos seus órganos xestores para constituírse oficialmente no vindeiro ano 2015.