O Concello de Camariñas presentou as súas accións de turismo experiencial Camariñas, todo mar e Desenvolvemento da zona costeira da praia do Ariño, ademais de avanzar a segunda fase do proxecto Posta en valor do porto pesqueiro de Camelle. Man: mar arte, cultura e natureza; todos eles financiados a través de fondos europeos.
Camariñas, todo mar, é un proxecto que a través de camarinas.mobi e un smartphone permite acceder a múltiples recursos e información en calquera dos 50 puntos da ruta sinaliza e xeolocalizada no litoral camariñán. O obxectivo é poñer en valor o patrimonio inmaterial ligado ao mar, os seus recursos e historia.
Con respecto ao Desenvolvemento da zona costeira da praia do Ariño, realizouse unha urbanización respectuosa co medio nesta área recreativa con instalación de duchas, fontes, torre para socorrista, valado, rampla de acceso ás praias, aseos, almacén para mariscadoras, aparcadoiro, punto limpo e instalación de paneis divulgativos.
Camariñas poñerá en marcha este ano a segunda fase do proxecto de posta en valor do porto pesqueiro de Camelle con traballos de musealización, sinalización, rutas e actividades de promoción.