O Teatro Rosalía Castro da Coruña acolle mañá, mércores 30 de marzo, a Gala dos XX Premios de Teatro María Casares, un evento que contará como condutores co Grupo Chévere, Premio Nacional de Teatro.
Un total de 14 espectáculos son finalistas nesta vixésima edición dos que O principio de Arquímedes é o que ten maior presenza, cun total de 8 nomeamentos.
O evento, que será un musical festivo con 9 intérpretes e 5 músicos, renderá homenaxe ao teatro galego, pero tamén ás Irmandades da Fala no ano do seu centenario. Durante a Gala entregarase o premio de honra Marisa Soto á Revista galega de teatro e a xornalista Montse Dopico lerá o manifesto galego no Día Mundial do teatro.