Pontevedra prepárase e ambiéntase para acoller, a vindeira fin de semana, unha nova edición da Feira Franca que cumpre 15 anos coa astronomía no medievo como tema principal.
Serán arredor de 26 entidades e asociacións as que participarán nesta feira tanto na xornada do venres, 5 de setembro como do sábado, día 6. Música e danza medieval, exhibicións de esgrima e tiro con arco, de cetrería, confección de papel vexetal, obradoiros de escritura medieval, torneos medievais, obradoiros de astronomía, e moita animación de rúa con teatro, música, cantares de cego, cantigas de Alfonso X, entre outras son as ofertas para esta edición.
Os Coros e danzas de Duos Pontes serán os encargados de facer os bailes medievais o día de inauguración da Feira Franca, o venres 5 de setembro, na praza do Teucro. Habilitarán unha taberna medieval ambientada na parte posterior da Casa do Concello con ambientación do espazo, animación de rúa, venda de produtos gastronómicos e cea medieval con espectáculo de danza e música. As compañías Kull D`sac e Troula serán as encargadas do espectáculo inaugural que levará por título Un ceo para mil culturas.
Na xornada do sábado participarán un gran número de entidades e asociacións dende as 11:30 horas que sae o transporte do viño, até as 23:00 horas cando está previsto o último espectáculo ou actuación da organización da Feira Franca.