Cinco novas rutas en tren polas zonas vinícolas de Galicia veñen de incorporarse ao programa Galicia a todo tren. O ano pasado púxose en funcionamento esta iniciativa con dúas rutas con 30 trens que realizaron itinerarios de media xornada e xornada completa que acadaron unha ocupación media do 72,5%.
Este ano, as rutas turísticas en tren de Galicia inclúen a posibilidade de percorrer a través das vías do ferrocarril as Rutas dos Viños de Galicia. En total haberá, xa que logo, 7 rutas con variadas temáticas: a Ruta dos faros, a Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos e mais cinco Trens Turísticos do Viño, que transcorrerán polos diferentes territorios das Denominacións de Orixe de Galicia –Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras-.
Como novidade, inclúense nesta tempada os packs de fin de semana, nos que se combinan as rutas en tren coa pernoctación dunha noite nun hotel de Galicia, así como paquetes combinados de fin de semana dende outras cidades de España.
A estas rutas turísticas temáticas cómpre engadir a posibilidade de descubrir Galicia co Galicia Rail Pass, o Train and Breakfast Camiño de Santiago, o luxoso Al Andalus Camiño de Santiago e o Transcantábrico. As rutas estarán en funcionamento dende mediados de xullo ata finais de setembro.
A información sobre os trens turísticos pode consultarse na web de Turismo de Galicia e mais na páxina de Renfe, a través das que se poden xestionar as reservas.