A praia das Catedrais de Ribadeo é unha das 7 marabillas naturais de España, acompáñana a pena de Gaztelugatxe, en Bermeo (Biscaia), o Parque Natural de Somiedo, en Asturias, o Parque Natural de Cabo de Gata, en Almería, Las Médulas (León), o Parque Natural de Lagoas de Ruidera (Ciudad Real) e Fuente Dé (Cantabria).
Estas paraxes foron elixidas nunha votación popular, organizada por Allianz Global Assistance na web www.7maravillas.es. Contabilizáronse máis de 82.000 votos. Os votantes podían elixir un máximo de tres lugares e compartir o seu voto nas redes sociais a través do hashtag #7Maravillas.
Agora ábrese unha segunda fase na que calquera internauta terá a oportunidade de optar ao posto de explorador das 7 Marabillas. Quen o consiga viaxará aos sete lugares no próximo mes de xullo e contará as súas experiencias nun libro oficial.