A última sesión ordinaria da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ferrol abordou o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, e o organismo supramunicipal para a realización de actividades de promoción e información do turismo na comarca de Ferrolterra. Os obxectivos que se pretende acadar son: integrar o conxunto de oportunidades para o desenvolvemento turístico existente na comarca; planificar de forma estratéxica e establecer as bases para a especialización e a maduración do produto e das distintas ofertas en futuras anualidades; contribuír á definición e fortalecemento da marca turística Ferrolterra e dos seus produtos; e manter a continuidade das actuacións para o desenvolvemento turístico no territorio de Ferrolterra, tendo en conta o potencial deste sector para a economía comarcal.
As liñas de actuación para difundir o xeodestino de Ferrolterra contempla a coordinación dos concellos e das oficinas de turismo da zona, a creación dunha imaxe de marca e un espazo web, a edición de material promocional e informativo (mapas, guías, folletos…), asistencia a feiras e o deseño e comercialización de paquetes e actividades coa participación do empresariado. Os eixes do acordo de cooperación entre a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ferrolterra e a Administración autonómica céntrase no turismo industrial e artesanal – gastronómico, camiños de peregrinación e as fragas do Eume e espazos naturais de interior.