
Turismo de Galicia, a Eurocidade Chaves-Verín AECT, a Deputación de Ourense, Turismo Porto e Norte de Portugal e a Asociación Termas de Portugal veñen de presentar a Guía turística da ruta termal e da agua, unha iniciativa enmarcada no proyecto Eurorrexión Termal e da Auga.
Editaranse 10.000 exemplares da guía -4.000 en castelán e 4.000 en inglés e 2.000 en portugués- e estarán dispoñibles para o público nas Oficinas de Turismo de Xunta de Galicia, nas oficinas turísticas de Verín e Chaves, así como nas oficinas de información turística que Turismo Porto e Norte ten nas principais cidades do norte de Portugal.
A auga termal é o fío condutor dunha ruta que ten por obxectivo a difusión dos recursos turísticos dun territorio que atesoura algúns dos enclaves vinculados á auga minero-medicinal máis singulares da comunidade.
Na guía figura a información básica sobre a Eurorrexión e a Eurocidade. Ademais, afóndase nas condicións das augas e explícanse as características físico-químicas das mesmas e as súas propiedades. A Ruta Termal e da Auga da Eurocidade Chaves-Verín conecta o patrimonio balneario deste territorio e combina rutas urbanas con rutas cicloturísticas. Así, ademais do patrimonio natural do transcurso do río Támega, o viaxeiro pode descubrir os recursos históricos e culturais das poboacións a través da conexión dos recursos termais.
A guía ofrece información sobre os diferentes recursos hídricos e as súas indicacións, así como un sistema de información xeorreferenciada para localizar os recursos hídricos no territorio.
Ademais, inclúe información sobre a oferta complementaria do destino a nivel enogastronómico, relacionadas co Camiño de Santiago, coa oferta comercial, de aloxamento e restauración así como unha carta de augas minerais naturais.