A Praza Horta do Seminario de Lugo acollerá entre este venres, 20 de maio, e o domingo 22 de maio, a III Feira da cervexa artesá, organizada pola Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns e patrocinada polo Concello, co obxectivo de dar a coñecer un produto elaborado de modo artesanal, por agora descoñecido, e profundar na cultura que vira ao redor desta bebida. A entrada a esta feira, que contempla ademais postos de comida e múltiples actividades relacionadas con este evento, é totalmente gratuíta.
Así, durante o fin de semana na Praza Horta do Seminario poderanse degustar case 80 tipos de cervexas de cervexeiros artesáns de toda Galicia, que farán degustacións e venderán as súas producións elaboradas con produtos naturais, podendo descubrir distintos matices e experimentando novos sabores. O evento tamén contará con concertos, un curso e un concurso.