
Burguete (Navarra), Noia (A Coruña) e Montjuic (Barcelona) foron os tres gañadores do I Concurso de Cemiterios organizado pola revista especializada Adiós Cultural, cuxos lectores decidiron que estes son os tres mellores camposantos de España e como tales, serán incluídos nunha guía nacional que editará esta publicación o ano que vén.
Na categoría de mellor monumento arquitectónico tamén hai un galego, xa que os tres seleccionados foron o panteón de Agustin Gisbert de Alcoi (Alicante), as cisternas romanas situadas no cemiterio de Monturque (Cordoba) e a necrópole do cemiterio de Cambados.
Para realizar esta selección, recolléronse 28.530 votos e durante os tres meses que durou o certame, a páxina recibiu máis de 60.000 visitas. Con esta iniciativa trátase de dar a coñecer estes espazos como parte da cultura e da historia dos pobos.