
A Deputación de Ourense, a través do Inorde, converterá a Granxa de Armariz –unhas instalacións gandeiras propiedade do ente provincial situadas no Concello de Nogueira de Ramuín– no primeiro parque temático das razas autóctonas galegas.
O proxecto, no que se investirá un total de 1,2 millóns de euros, verá a luz no ano 2016 e consiste na recuperación dunha antiga reitoral do século XVIII, situada nunha contorna de 10 hectáreas de terreo no corazón mesmo da Ribeira Sacra.
Esta actuación vai dirixida especialmente a nenos e rapaces, familias, grupos de escolares, gandeiros e investigadores, para combinar os aspectos lúdicos e divulgativos cos de interacción coa natureza e tamén o ámbito da investigación.
Inclúe a construción dun albergue, un parque infantil e de ocio, unha horta ecolóxica, áreas para animais de razas autóctonas, colmeas e unha ampla zona para a realización de obradoiros.