A adega Paco&Lola conseguiu unha distinción de ouro no Concours Mondial de Bruxelles, un dos máis prestixiosos a nivel internacional do sector. Concretamente, o albariño Paco&Lola 2014 ten sido galardoado cunha medalla de ouro. Ademais, o albariño elaborado sobre lías Paco&Lola Prime da anada 2013 tamén foi premiado cunha medalla de prata.
Estes galardóns supoñen unha acreditación da calidade dos viños da nova anada. No caso de Paco&Lola 2014 a obtención deste galardón supón a terceira distinción con ouro nos últimos meses: medalla de ouro en “Mundus Vini Spring Tasting 2015”, en “Challenge Internationaldu Vin” e no “Concours Mondial de Bruxelles”. Este viño aínda non se empezou a comercializar e estímase que sairá ao mercado no prazo dun ou dous meses.
O xurado do concurso estivo formado por 299 catadores de viño de 49 nacionalidades diferentes que se reuniron durante 3 días para valorar as diferentes mostras presentadas. Estes catadores están seleccionados rigorosamente e posúen unha gran reputación e experiencia.