Os Trens Turísticos de Galicia foron recoñecidos como Mellor Produto de Turismo Activo Nacional na modalidade de cultura na XX Edición dos Premios de Turismo Activo de Fitur.
O xurado destacou o traballo de Turismo de Galicia no desenvolvemento de proxectos que amplían a oferta turística da comunidade a través da adopción de políticas turísticas que fomentan o desenvolvemento sostible.
Galicia a todo tren naceu como un proxecto turístico pionero e neste ano 2015 celebrará xa a súa terceira edición grazas á colaboración interinstitucional entre a Xunta de Galicia, Renfe e a Deputación de Ourense.
Trátase dun modo de practicar turismo combinando os desprazamentos en tren con outros en autobús, catamarán ou ata barco para achegarse dun xeito diferente aos recursos relacionados coa paisaxe, a natureza, a viticultura, a enoloxía ou a botánica.
A campaña dos trens turísticos de Galicia pechou na pasada edición cun notable éxito ao rexistrarse máis de dous mil viaxeiros e unha ocupación media do 82%, alcanzando as rutas de Valdeorras-Ribeira Sacra e a que circulou exclusivamente pola Ribeira Sacra unha ocupación do 100%.
Na súa terceira edición, os trens turísticos de Galicia continuarán ofrecendo sete rutas que permiten descubrir diferentes zonas da nosa comunidade con variadas temáticas: a Ruta dos Faros, a Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos e as cinco Rutas do Viño que recorrerán os distintos territorios onde se producen as denominacións vitivinícolas galegas: Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras.
Como principal novidade, nesta edición, incorporase ao programa o Tren Peregrino, que posibilitará a realización do Camiño de Santiago desde Madrid a bordo dun cómodo Tren Hotel; e o Tren dos Balnearios, unha nova posibilidade dirixida a maiores de 50 anos que brindará a posibilidade de aloxarse nun balneario ourensano e realizar circuítos culturais pola zona elixida.