
O vindeiro sábado, 12 de xullo, o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro acolle un concerto de Ulobit, trala celebración, a pasada fin de semana, do terceiro aniversario do recinto.
Ulobit propón un concerto con músicas influídas pola tradición con instrumentos como a zanfona pero tamén con instrumentos da prehistoria como pedras, paus e peles (pandeiros). A estes elementos, súmase o uso de gravacións de paisaxe sonora (‘soundscapes’) e repertorio sacado do cancioneiro local compilado a principios do século XX por Casto Sampedro (fundador tamén da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra).
As imaxes propostas para este proxecto foron gravadas no propio Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro. A entrada ao concerto, que se celebrará ás 21:00 horas, é libre, pero é necesaria a reserva previa no 986 696 066 ou en reservas@paar.es.