Etiqueta Negra celebrarase os días 12, 13 e 14 de novembro no Recinto Feiral de Pontevedra e pretende mostrar tanto a ampla variedade de alimentos e bebidas de alta calidade que se están facendo en Galicia, como os procesos de innovación de produtos, sabores e envases reunindo nun mesmo espazo a profesionais do sector, produtores e consumidores.
O obxectivo é coñecer as tendencias de mercado, identificar novas liñas de negocio nun sector en alza, cun público moi esixente, onde a comercialización especializada progresa cada día.
Etiqueta Negra, estará aberta eses tres días de 11:00 a 20:00 horas, e contará cunha entrada cun prezo simbólico de dous euros. Coa participación de prestixiosos expertos nun programa de actividades atractivas para os visitantes -entre elas catas, degustacións, conferencias ou presentacións de produtos-, Etiqueta Negra convídanos a descubrir o máis selecto do mercado galego de produtos de calidade diferenciada e marca premium.