Santiago de Compostela acollerá o vindeiro domingo, 27 de setembro, o IV Campionato Barista Down de Galicia, unha iniciativa da empresa Cafento e que é pioneira no mundo. Nesta ocasión, contará coa participación de dous equipos, un de Santiago e outro de Vigo, integrado, cada un deles, por seis persoas.
Durante toda esta semana, os 12 mozos están a asistir a unhas xornadas de formación intensiva na profesión barista para poder exhibir os seus coñecementos na devandita competición. O obxectivo é dar visibilidade ao colectivo de persoas con síndrome de Down en termos positivos, darlles unha formación profesional especializada e facilitar a súa inserción laboral no mercado. Neste sentido, unha trintena de participantes en anteriores competicións puideron realizar prácticas e varios deles foron contratados, dous de forma indefinida.
Tras o éxito da iniciativa en Galicia, outras comunidades sumáronse cos seus propios concursos e mesmo existe un proxecto a nivel internacional para a creación dun instituto de formación barista dirixido a este colectivo.