Máis dunha trintena de establecementos participarán dende o venres na quinta edición de Sanxenxo DEgusta TAPAS, que se desenvolverá ata o 15 de xuño.
Este ano, os restaurantes, cafetarías ou bares que se sumen a esta acción promovida por Turismo de Sanxenxo presentarán un máximo de dúas elaboracións, coas que optarán a algún dos premios concedidos polo xurado popular e por un profesional.
Durante un mes, veciños e visitantes terán a oportunidade de degustar as propostas tanto tradicionais coma creativas, elaboradas con produtos autóctonos galegos, que se servirán a un prezo de 2 euros.
Ao igual que en anos anteriores, o público deberá visitar polo menos cinco establecementos para poder emitir o seu voto, o que lle permitirá optar aos diferentes regalos que se sortearán entre aquelas persoas que proben as tapas.