Terras do Miño vén de revalidar a súa declaración como reserva da biosfera pola UNESCO, despois de que se valorase o feito de que a Deputación de Lugo abrise á participación de concellos e da cidadanía a toma de decisións sobre a súa xestión.
A revalidación foi posible grazas a que se cumpriron todos os requisitos: contar cunha zonificación axeitada, crear órganos de xestión e dar un pulo ao plan de acción.
Lugo destaca por ser a única provincia española na que máis do 55% do territorio está declarado reserva da biosfera pola UNESCO, xa que ás máis de 360.000 hectáreas de Terras de Miño, que abranguen 26 concellos, súmanse Os Ancares e máis Eo-Oscos-Terras do Burón.