Os xardíns de inverno da comunidade galega, sobre todo os que albergan camelias, atópanse entre os meses de febreiro e abril no seu mellor momento e, por iso, Turismo de Galicia desenvolve unha campaña para promover as visitas a estas contornas.
Así, ata o próximo 18 de marzo, o departamento de Turismo da Xunta desenvolve unha campaña de difusión co obxectivo de incentivar as visitas a estes xardíns e ás súas contornas, que inclúen pazos e outros edificios históricos.
Ademais desta acción de promoción, Turismo de Galicia destacou na súa web os apartado Pazos e xardíns da Ruta da camelia, no que se atopan todos os recursos do produto ruta da camelia e as ligazóns ás páxinas web dos pazos que contan con presenza na internet. Por outra banda, no site de Turismo de Galicia os usuarios poden atopar o calendario de exposicións relacionadas coa camelia para este ano 2016, que comezaron o pasado 16 de xaneiro en Tui e finalizarán o 11 de decembro en Boiro.