A Mancomunidade de Ferrol ven de rubricar o convenio coa Axencia de Turismo de Galicia para a promoción do Xeodestino Ferrolterra no 2016 e da posta en marcha deste proxecto, cun importe global de 75.000 euros, co obxecto de consolidar o traballo iniciado no pasado ano coas denominacións: ‘Costa das Ondas (produto turístico surf) e ‘Turismo Slow’.
A Mancomunidade, que aporta 15.000 euros, concorre como o instrumento para a execución de accións de promoción turística de todo o xeodestino Ferrolterra, que inclúe os concellos de Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño e Vilarmaior. A Administración galega aportaría os 60.000 restantes.
Doutra banda, a Mancomunidade ten preconcedidas, por parte da Deputación provincial, subvencións que ascenden a 38.475 para varios proxectos como o programa de deporte inclusivo, equipamento deportivo e servizo adaptado de transporte para o mesmo.
Os outros tres proxectos serían para a promoción do Produto Turístico Surf e a creación da web asociada e, por último, dentro da Promoción Económica, un proxecto que pasa polo emprendemento no sector primario e ecolóxico.