
O concello de Santiago vén de presentar o programa de visitas guiadas a este importante xacemento arqueolóxico, o castelo de Rocha Forte, que comezará no mes de maio para os escolares e en xuño para a cidadanía en xeral.
Continuando o programa de posta en valor do castelo da Rocha, iniciado o ano pasado coa edición dunha publicación e da páxina web Rochaforte, agora ofértase a realización de visitas guiadas a este relevante xacemento arqueolóxico co obxectivo de explicar e contar in situ a súa historia. Estas visitas, de carácter divulgativo e didáctico, están dirixidas aos cidadáns, estudantes, colectivos culturais, etc.
As visitas abertas á cidadanía en xeral desenvolveranse ao longo dos meses de xuño, xullo, agosto e setembro. Atenderanse dous grupos ao día, ás 11.00 e ás 18.00 horas, cun máximo de 25 persoas por grupo.