O Concello de Ourense acaba de presentar as bases da nova edición, a cuarta, do Concurso de Pinchos de Primavera, que se celebrará do 26 de maio ao 8 de xuño. O prazo para que todos os establecementos interesados en participar se inscriban finaliza o próximo 5 de maio. A organización espera superar os 52 locais da pasada edición.
Como novidades máis destacadas da convocatoria, os pinchos terán un prezo máximo de 2,5 euros, unha demanda dos propios consumidores coa que se sensibilizaron todos os establecementos. Ademais, todos os participantes deberán aboar unha cota de 50 € por participar (100 € no caso dos establecementos non asociados á Unión de Hostaleiros de Ourense).
Outorgaranse os clásicos premios da prensa, os dos consumidores e os do xurado profesional. Tamén á mellor iniciativa emprendedora, ao pincho toma pan e molla e ao mellor pincho apto para celíacos.