Imaxe: www.ferrol.es
A Concellería de Cultura de Ferrol iniciará o vindeiro mes de setembro as visitas guiadas ao Concello dentro do programa Pensando en VOS. A proposta dará comezo o mércores 10 de setembro ás 18:00 horas e repetirase o segundo mércores de cada mes. Seguen, ademais, en funcionamento as visitas guiadas ao Teatro Jofre e ao Centro Cultural Torrente Ballester (CTB), todas son de carácter gratuíto.
A visita con guía polo Pazo Municipal de Ferrol descorrerá polo Salón de Recepcións, o Gabinete de Alcaldía, a Sala Jorge Juan, a Sala de Alcaldes e o Salón de Plenos. Así, os participantes no percorrido coñecerán a historia e características do edificio así como os fondos pictóricos municipais situados na Casa Consistorial.
As persoas interesadas en participar nestas visitas guiadas ao Concello, ao Jofre e ao CTB, poderán formalizar a súa inscrición chamando ao número de teléfono 981 944 180 ou a través do correo electrónico: cultura@ferrol.es, facilitando o nome, apelidos e número de teléfono.