
O próximo mércores, 21 de maio, o Festival de Cans celebra a súa XI edición no Porriño que se prolongará ata o 24 do mesmo mes. Este ano contará con 17 curtametraxes e 18 videoclips que participarán no concurso.
En total, farase entrega de 12 galardóns e outorgarase un premio de honra pola súa traxectoria á actriz María Bouzas. Ademais, entregarase un Chimpín de Prata a Juan Ibáñez e a Divina Campos, pola súa relación co festival.
Como vén sendo habitual haberá proxeccións de longametraxes, concertos, coloquios e presentacións de novos proxectos, entre outras actividades. Todo iso nunha edición que acollerá múltiples linguaxes narrativas e xéneros.
Ademais, esta undécima edición incorporará tamén outros espazos, dedicados á presentación de novos guións e cintas, ás webseries, aos deportes extremos e aos creadores galegos asentados en Londres.