O Teatro Rosalía de Castro acolle hoxe a cerimonia de entrega dos XIX Premios de Teatro María Casares, galardóns organizados dende 1997 pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e que anualmente se converten na gran festa da escena.
Nesta ocasión compiten 16 espectáculos nas catorce categorías coas que contan os premios e que este ano, por vez primeira, inclúen a categoría ao mellor espectáculo infantil. A tempestade, de Voadora, é a produción con maior número de finalistas, ao contar cun total de 10 nominacións. Perplexo, de ilMaquinario Teatro, aspira a 9 galardóns. Pechando o trío de obras á cabeza, atópase Ultranoite no País dos Ananos, de Chévere, que opta a sete galardóns. Estas tres obras disputaranse, ademais, os premios ao mellor espectáculo e á mellor dirección.
Durante a cerimonia, ademais, Vicente Montoto recibirá o Premio de Honra Marisa Soto por toda a súa traxectoria e o escritor Xurxo Borrazás será o encargado de ler o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro.
Este ano, a compañía Elefante Elegante será a encargada de dirixir e conducir unha gala que proporá unha viaxe á multiculturalidade. A gala dos María Casares transcorrerá baixo un ceo de mil bombillas que poderán iluminar coa luz lene das vagalumes ou con toda a potencia do sol. Ese manto de lámpadas será a peza fundamental da escenografía que envolverá os cinco actores e seis músicos que estarán sobre o escenario da gala.