A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas pon en marcha a iniciativa Árbores con historia coa primeira ruta divulgativa e turística polas árbores senlleiras de Galicia. Este proxecto ten por obxectivo dar a coñecer e poñer en valor o enorme patrimonio natural da Comunidade galega e bota a andar no marco das actividades programadas durante toda a semana para celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente, que se conmemora o 5 de xuño.
Trátase dun itinerario por 12 concellos (Santiago, Vedra, Padrón, A Estrada, Cuntis, Caldas de Reis, Meis, Ribadumia Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, O Grove e Poio) que permite coñecer un total de 52 árbores e formacións.
O obxectivo é continuar deseñando novos itinerarios por outros municipios galegos con árbores catalogadas como senlleiras; xa que se trata dunha boa medida para poñer en valor o rico patrimonio natural que ten Galicia, facendo compatible a promoción turística coa conservación do medio.