O Fórum Gastronómico celebrado na Coruña dende o 23 ao 25 de febreiro pechou as súas portas tras un éxito de público que superou todas as expectativas da organización cuns 21.000 visitantes que lograron que os 5.000 metros cadrados que se ocuparon de EXPOCoruña quedasen pequenos.
O balance desta primeira edición na Coruña (xa se confirmou a súa continuidade o próximo ano) deixa unha ocupación do 100% en todos os espazos: talleres sen prazas dispoñibles, un auditorio ata a bandeira e unha feira chea foi a tónica xeral dos tres días. Case un centenar de profesionais realizaron un total de 14 sesións no grande Auditorio, con capacidade para 400 persoas; 18 talleres e 20 ateneos; 10 sesións adicadas ao mundo do viño, 4 de Fórum Doce, orientado á pastelaría e cociña de sobremesas; e 5 aulas activas.
Grandes profesionais compartiron receitas e trucos de cociña cos asistentes, mentres que as sesións exclusivas destacaron pola súa espectacularidade: Josep Roca realizou unha cata de 15 viños algo inédito na historia do Fórum, e o mexicano José Ramón Castillo ofreceu 25 bombóns diferentes.
Durante estes días estiveron 457 marcas representadas en 5.000 m² de espazo feiral o que supón un crecemento do 30% respecto á anterior edición. Os produtos de Galicia, dende xeados a mariscos, pasando por carnes, viños ou queixos, foron os grandes protagonistas deste evento que posicionou á cidade e á comunidade como un gran referente gastronómico.
O día de maior afluencia foi o domingo, xornada na que, ademais de profesionais vinculados ao sector, moitas familias decidiron achegarse para participar nos distintos talleres, degustar produtos dos expositores, asistir ás charlas e gozar nos numerosos espazos que ofrecían a posibilidade de tomarse un café, unha cana, un viño ou un refresco relaxadamente.