
Os irmáns Cannas a través de Pepe Vieira S.L. xestionarán a cafetería e o restaurante do Museo de Pontevedra cunha proposta que tratará de trasladar os conceptos da alta cociña ao tapeo para conseguir que a cociña de vangarda deixe de ser un coto exclusivo e todo o mundo poida disfrutar destas creacións culinarias, algo que xa pasou coa arte.
A proposta dos irmáns Cannas inclúe restaurante, gastrobar, barra de viños, tenda e aula formativa e terá na aposta polos produtos do campo e das lonxas galegas o eixe central da súa cociña.
Baixo o concepto Eat & Go, o restaurante do Museo presentarase como un restaurante áxil e versátil, con tres modelos de menú: menús de temporada, que variarán en función dos produtos propios de cada estación; menús temáticos, centrados nas exposicións temporais do Museo e un Menú Castelao, en homenaxe á cultura culinaria galega e a un dos fundadores do propio Museo.
Pola súa banda, a cafetería e a terraza organizaranse en diferentes espazos, de forma que non só se poida tomar un café, un licor ou unhas tapas, senón que sirva de epicentro da vida social e cultural de Pontevedra.
O espazo principal será o destinado a Tapas Bar – Gastrobar cunha ampla liña de tapas frías e quentes de marcado sabor galego, centradas nos produtos do mercado de abastos e pensadas para compartir, para disfrutar en grupo.
Outra pequena área converterase nunha Barra de Viños, un verdadeiro escaparate dos mellores viños das Rías Baixas, pero tamén do resto de Galicia. E para os que non gusten do viño, tamén se servirán cervexa e bebidas non alcohólicas. A Terraza será un restaurante informal e de ambiente relaxado.