O hotel Alén do Mar (Fisterra) é o mellor valorado de Galicia segundo o ránking publicado polo buscador de prezos de hoteis, Trivago. Cunha puntuación de 92,69, o hotel destaca por ser un aloxamento con personalidade, pequeno e sinxelo que se centra en ofrecer un servizo personalizado aos seus hóspedes. Ten once habitacións que combinan un deseño moderno cos elementos arquitectónicos tradicionais de Galicia. Situado a pé de praia na Costa da Morte, convértese na opción de quen busca facer surf, navegar ou mergullar no océano Atlántico.
A listaxe domínano establecementos da provincia da Coruña e son, sobre todo, aloxamentos de 3 estrelas pequenos, de carácter familiar, con historia e que ofrecen individualidade. A maioría sitúanse en localidades turísticas con gran valor histórico, como o Pazo de Altamira, en pleno casco antigo de Santiago de Compostela, e tratan de preservar o seu valor tradicional, como o Rúa Villar, que conserva elementos orixinais do século XVIII, ou o San Francisco Hotel Monumento, situado nun antigo convento franciscano. Tamén aparecen A Quinta da Auga, o Hostal dos Reis Católicos e Altaîr, en Santiago e Sercotel Blue Coruña, na Coruña.
Entre as primeiras posicións do ránking fanse oco os dous únicos hoteis pontevedreses da listaxe, A Torre do Xudeu, unha gran casa do século XVIII con apenas 5 habitacións que forma parte do conxunto histórico de Tui, declarado Ben de Interese Cultural, e Quinta de San Amaro, que aposta pola gastronomía e o valor vitivinícola de Rías Baixas.